A situación de Julian Assange ante a petición de extradición dos Estados Unidos despois da revogación da súa condición de asilado na Embaixada de Ecuador en Londres puxo en alerta moitas organizacións de defensa dos dereitos humanos.

 

                                Julian Assange na Embaixada de Ecuador en Londres

 

O fundador do Wikileaks, Julian Assange, converteuse nun problema para o Reino Unido e para a Unión Europea, xa que podería ser extraditado tanto aos Estados Unidos como a Suecia, países en que está acusado de revelación de segredos e violación, respectivamente.

Ante esta situación, Manu Pineda, eurodeputado do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, presentou unha batería de preguntas á Comisión Europea:

«Protexe e aplícase ao Sr. Assange a Carta dos Dereitos Fundamentais dos Cidadáns da Unión, especialmente o art. 11? Pode un Estado da Unión extraditar un cidadán por unha actividade especialmente protexida como lícita? Ou a carta só ampara os cidadáns da Unión e exclúe residentes, refuxiados e transeúntes; é dicir, que os cidadáns que non teñan exclusivamente a nacionalidade dos estados da Unión fican fóra da protección da Carta?».

Segundo o documento presentado ante a Comisión Europea, o cidadán da Commonwealth, o xornalista australiano Julian Assange, ingresou legalmente no territorio da UE, onde actualmente reside, polo que a súa permanencia dentro das fronteiras da Unión é perfectamente legal. No presente, ten dobre nacionalidade, a australiana e a ecuatoriana, aínda que esta última está suspendida nestes momentos. Portanto, ten lexitimamente os dereitos que asisten aos cidadáns da Commonwealth ou aos ecuatorianos que entraron no territorio da Unión e nel permanecen de forma legal.

A situación de Julian Assange ante a petición de extradición por parte de Estados Unidos despois da revogación da súa condición de asilado na Embaixada de Ecuador en Londres puxo en alerta moitas organizacións de defensa dos dereitos humanos.

Amnistía Internacional indica que o goberno británico non debía acceder á solicitude de extradición de Julian Assange presentada polos Estados Unidos, pois o fundador do WikiLeaks corre un risco real de sufrir graves violacións de dereitos humanos se é enviado alí. Alén diso, lembra que o Reino Unido ten a obrigación de cumprir co compromiso xa contraído de non o entregar a ningún estado onde poida ser sometido a tortura ou malos tratos ou ser condenado á morte.

O Reino Unido, ademais, aínda pertence á Unión Europea e, portanto, ten contraídas unha serie de obrigacións respecto ao dereito internacional dos dereitos humanos que prohibe explicitamente o transferencia de persoas a calquera país onde Assange puidese sufrir graves violacións de dereitos humanos. Se finalmente for extraditado ou sometido a calquera outra forma de transferencia aos Estados Unidos, o Reino Unido, e portanto tamén a Unión Europea, incumprirán estas obrigacións.

José Antonio Gómez

Diario16