O titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Palencia, Jesús Manuel González Villar, investiga as condicións en que foron recluídos catro presos nunha cela sen auga corrente do cárcere de Dueñas (Palencia). O maxistrado abriu dilixencias previas o pasado 25 de setembro e enviou un exhorto á súa compañeira do Xulgado de Vixilancia Penal para que lle remita as pescudas que ela realizase por estes feitos após recibir a queixa da familia dun dos internos afectados.

 

Imágenes de la celda 61 de la cárcel de Palencia.      Imaxes da cela 61 no cárcere de Palencia

 

O xuiz tamén enviou á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, dependente do Ministerio do Interior, un requirimento de información para que achegue os expedientes dos catro reclusos así como os libros de servizos do cárcere daqueles días, onde son anotadas as incidencias. Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Castilla-León, apesar de tempo decorrido, esta última documentación aínda non chegou ao xulgado. No auto de abertura de dilixencias, o maxistrado non especifica o delito que investiga nin concreta “as persoas que neles interviron”.

A orixe da investigación está na denuncia que o pasado 11 de xullo presentou o sindicato ACAIP -o maioritario entre os funcionarios de prisións- sobre as supostas irregularidades na utilización como “cela de observación” da número 61 do módulo de ingresos da prisión palentina. No escrito, o sindicato detallaba que na mesma eran recluídos aqueles presos de quen se sospeitaba que, após manteren un vis-à-vis con familiares ou voltaren dun permiso, podían portar droga no seu organismo. O obxectivo era que a expulsasen para confiscala e evitar que traficasen con ela ou a consumisen. Para iso, a cela sufrira importantes modificacións no súa mobilia. Así, os desaugadouros da ducha e a pía están cegados; non ten auga corrente; ten dúas cámaras de vixilancia; a xanela está cuberta cunha rede para impedir que poida ser lanzado algún obxecto ao exterior; e permanece iluminada mesmo durante as horas nocturnas.

Todo iso, para evitar que o recluso que ingresado nela poida desprenderse ou tente ocultar de novo a droga unha vez que a expulsou do organismo. De feito, o wc da cela está comunicado co doutra cela para as feces poderen ser recollidas e así detectarse a posíbel presenza do estupefaciente. Sempre segundo a denuncia do sindicato, catro presos foron internados de maneira individual nesta cela sen auga corrente durante seis días cada un na primeira metade de 2017.

O primeiro, Nasri Z., entre o 1 e 6 de marzo. O tres primeiros días, destaca o escrito de ACAIP, este recluso estivo en isolamento en total, sen poder saír ao patio nin ducharse. A partir do cuarto día, foi autorizado a pasear no exterior sen a compañía doutros presos durante unha hora e a asearse. O segundo reo, Samy S., foi aloxado na cela 61 entre os días 5 e 11 de abril, tempo en que protagonizou “condutas auto lesivas” ao bater coa cabeza contra a parede. O terceiro interno, Jesús H., pasou na mesma cela entre o 21 e o 26 do mesmo mes. O último día, supostamente, tentou esganarse. O último preso, Aritz S. S., permaneceu no habitáculo entre o 18 e 23 de maio. Nese tempo, tivo que ser asistido en dúas ocasións de urxencia polos servizos médicos do centro. Na primeira ocasión por “unha forte dor no peito”. Na segunda, por un intento de autolesión “supostamente engolindo unhas láminas de barbear”, segundo un escrito interno do centro que a denuncia achegou como documentación.

O sindicato considera que as condicións en que todos estes presos estiveron recluídos na cela supoñen “rigor innecesario” xa que foron sometidos a “sufrimento físico ou mental” que “vulnera gravemente os dereitos básicos” do interno. A denuncia cataloga todo iso como delitos de torturas. De todo iso, ACAIP considera responsabeis tanto o director da prisión -que foi quen ditou en 2015 unha nota interna en que se ordenaban os encerramentos- como ao máximo responsábel de Institucións Penitenciarias, Anxo Yuste.

Cando foron coñecidas as características da cela o pasado mes de xuño, fontes oficiais de Institucións Penitenciarias aseguraron que había outras similares en todos os cárceres desde hai tempo con idéntico fin. Estas mesmas fontes subliñaron que a situación vivida na prisión palentina fora froito da actitude dos presos e aseguraron que “se colaborasen e se sometense a exame radiográfico para localizar ou descartar a presenza de substancias estupefacientes no seu organismo, non pasarían pola cela”. Tamén engadiron que, após a queixa dun dos reclusos -o que permanecera recluído entre o 18 e o 23 de maio- un xuíz avalara a decisión da dirección do centro. “É a mellor maneira de evitar a entrada de droga no cárcere”, defenden desde entón.

Fonte: El País