A xuíza Susana Trujillano admitiu a trámite unha querela contra unha asociación proisraelí española denominada ACOM e o seu presidente, Angel Más, por un alegado delito de odio contra o pobo palestino. Más, un empresario que vive entre Madrid e Londres, deberá declarar como ‘querelado’ o próximo 9 de abril perante a titular do Xulgado de Instrución número 7 da capital española, segundo recolle o auto da xuíza.

A citación de Más, como presidente de Asociación Acción y Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM), é consecuencia dunha querela presentada polo Comité de Solidariedade coa Causa Árabe (CSCA). Na mesma, descríbese ACOM como unha asociación dedicada a ‘terxiversar a realidade, negando, trivializando e xustificando os crimes cometidos por Israel sobre a poboación palestina, á que tachou sempre de terrorista’.

Na querela atribúense ao empresario Más e á ACOM os supostos delitos de incitación ao odio e asociación ilícita. A xuíza Trujillano deixa fóra do seu auto o segundo deles e afirma que “os feitos que resultan das anteriores actuacións presentan características que fan presumir a posíbel existencia de delito/s de incitación ao odio cuxa instrución corresponde a este órgao xudicial”.

 

Montaje fotográfico de ACOM con personas ataviadas con el pañuelo palestino y una referencia al atentado yihadista en Bataclan

 

Na web da asociación aparecen textos coa súa versión do conflito árabe-israelí, iniciativas para contrarrestar no Reino de España a iniciativa internacional do boicote a Israel, críticas ao Executivo de Rajoy pola súa suposta conivencia cos ‘terroristas’ palestinos e informacións sobre o seu labor de lobby, como a participación de ACOM na recente viaxe a Tel Aviv do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Neste sentido van algunhas das últimas entradas que se poden consultar na web, con titulos como ‘A deplorábel mancomunaxe do ministro Dastis en Irán con carniceiros e xenocidas’ ou ‘Os nenos soldados palestinos de que ninguén fala’, este último en alusión á situación de Ahed Tamimi, a adolescente que enfronta a máis dunha década de cárcere polos doce cargos presentados contra ela pola Fiscalía despois de esbofetear un soldado israelí.

A querela inclúe varios vídeos que non se mostran na web de ACOM e cuxo acceso está restrinxido ás persoas rexistradas.

Un deses vídeos mostra Más pronunciando un discurso diante de decenas de persoas o 24 de outubro de 2015. “Do acoso daqueles flotilleiros, lembraredes aquela gentalla, que, subsidiados en moitos casos polo Goberno de España querían entrar en Gaza, sen víveres mais con moitos coitelos, para apoiaren os terroristas de Hamas. Eses mesmos senvergoñas continúan recibindo axudas e patrocinio do noso Goberno e doutras institucións públicas e, de feito, hoxe teñen moitos amigos entre os que están a cargo deste Concello de Madrid, o de Barcelona e os de moitas outras cidades de España”, afirma o presidente entre aplausos de persoas que sosteñen bandeiras de España e Israel.

ACOM ataca iniciativas en España que considera ‘apoloxía antisemita’, como un evento que a Asociación Al Quds en Málaga celebrou o 10 de maio de 2016 e que a asociación prol-israelí boicoteou cun cartaz que ilustra esta información e ‘en que aparece unha montaxe fotográfica en que se poden ver persoas caracterizadas como palestinas fronte ao Bataclán Café (…) dando a entender que os palestinos son terroristas’, segundo a querela. ‘Para esta asociación, o conxunto do pobo palestino é terrorista, cualificativo que por si só sería constitutivo dun delito de incitación directa ao odio e á discriminación e violencia’, aseguran os avogados asinantes.

Un dos grandes obxectivos de ACOM é o Movemento BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións) que, segundo a asociación querelada, “glorifica o terrorismo e promove a loita armada”. “Estamos a falar dun movemento extremista e virulento, moi perigoso”, asegura ACOM. A asociación engade que BDS “segue as directrices, as paradigmas históricos do antisemistismo traducido ao século XXI (…) cando o único estado xudeu ía sendo encurralado ( judenfrei)” o máis parecido aos anos trinta que se poida ver hoxe no século XXI”, dise noutro vídeo adxunto á querela.

Outro dos vídeos presentados ao xulgado e que os querelantes aseguran que difundiu ACOM leva por título “Como evitar a brutalidade israelí”. Trátase dun guía, presentado en formato de banda deseñada, en que se van reproducindo as seguintes afirmacións: “Cando conduzas un coche, non te dirixas á mantenta cara a unha beirarrúa chea de xente. Talvez te disparen. Cando un policía israelí che pida documentación, non o ataques cun coitelo. Talvez te dispare. Isto é aplicábel a atacar homes, mulleres e crianzas. Probabelmente te dispararán”. Este guía pode ser frustrante, mais ha de protexerte da brutalidade israelí”.

Para o Comité de Solidariedade coa Causa Árabe, ACOM utiliza “o ton burlesco neste vídeo para chamar os palestinos terroristas sen ningún tipo de complexo, os cales parecen ter unha natureza terrorista inherente á súa condición de palestinos”.

Noutro vídeo, que ACOM compartiu no Facebook, asegúrase que o método utilizado no atentado de Barcelona no pasado agosto foi ensaiado antes polos “terroristas” en Israel. “Acódese a un doloroso feito como é o atentado de Barcelona para xerar un clima de odio cara á poboación palestina en xeral”, asegura a querela.

Fonte: El Diario