Outros tres policías españois investigados polas cargas do 1-O en Girona declararon nesta segunda-feira no xulgado de instrución número 2. Son dous axentes e un subinspector que, durante a xornada do referendo, actuaron en diferentes colexios electorais da cidade, como o Verd, o Servei Municipal d’Ocupació, o Dalmau Carles ou a biblioteca Ernest Lluch.

 

VIOLENCIA 1-O POLICIA MANIFESTANTS COL·LEGI GUINARDO - ROBERTO LAZARO

 

Segundo explicou o porta-voz dos avogados voluntarios que exercen a acusación, Albert Carreiras, os policías xustificaron as cargas como “acción defensiva”. “Din que houbo cargas por autodefensa, porque sentiron ameazados e perigaba a súa integridade”, describiu Carreiras.

Durante a declaración, mostraron imaxes captadas nos colexios a dous dos axentes. Segundo o letrado, confirmaron o número de identificación que levaban nas costas mais non se recoñeceron en imaxes frontais de accións concretas.

Estas declaracións foron feitas na segunda xornada de declaracións dos policías do Corpo Nacional de Policía investigados no cadro da querela colectiva polas cargas do 1-O en Girona, Aiguaviva e Sant Julià de Ramis. Tal e como aconteceu na pasada sexta-feira coa primeira serie de declaracións, os axentes non responderon ás preguntas da acusación.

O porta-voz dos avogados voluntarios subliñou que, apesar deste clima de agresións e insultos descrito polos axentes, ningún deles deixou de actuar en colexios electorais. “O que manifesta ter recibido un pontapé nos xenitais, está denunciado noutros dous colexios por outras agresións posteriores”, expuxo.

O letrado expuxo que, coas dúas xornadas de declaracións, puideron constatar como hai unha “uniformidade” nas versións dos axentes: “Chama a atención que utilicen os mesmos termos, cousa que podería facer pensar que hai unha especie de instrución á hora de declarar”. Contodo, apunta que para a acusación as declaracións serven para “engadir datos” á actuación policial, comezar a pescudar a cadea de ordes e corroborar, por exemplo, que utilizaron canais de comunicación alternativos que non foron rexistrados.

El Nacional