‘Elcierredigital.com’ estivo pendente da evolución da crise do coronavirus Covid-19 nas prisións españolas. Na edición de hoxe, fálase do caso de Vanesa Docal, cuxo marido cumpre condena na prisión da Lama, en Pontevedra. Vanesa Docal denuncia a falta de información que padecen as familias das persoas presas neste cárcere galego. A pouca clareza nas decisións tomadas fixeron que varias familias se dirixisen a Institucións Penitenciarias, mais por agora non tiveron resposta.

 

 

A situación das prisións ante a pandemia do Covid-19 foi complicada tal e como contou Elcierredigital.com, o nerviosismo pola falta de información e a falta de medidas nalgúns cárceres fixeron moi complicada a convivencia nas prisións españolas. Até o pasado 29 de abril Institucións Penitenciaras non ofrecera ningún dato sobre o COVID-19 nas prisións. Na actualidade hai 301 positivos por coronavirus, 248 traballadores e 53 internos.

A falta de información e de normativas claras para as prisións no cadro do Estado de Alarma non só afecta as persoas presas, tamén as familias, que viven na incerteza. Sobretodo, desde que o día 14 de marzo fosen suspendidos todos os contactos co exterior.

Vanesa Docal, esposa dun interno que cumpre condena na Lama

“Están suspendidas todas as visitas. Entendo que é por prevención, mais acontece que o grande problema é que non hai unha normativa clara e por iso enviamos unha carta a Institucións Penitenciarias, ainda que por agora non recibimos resposta”

“Non permiten entrar ninguén, e iso inclúe a xente que acudía a prestar servizos. Durante os 15 días posteriores a ter sido decretado o Estado de Alarma non funcionou o servizo de lavandaría e isto nun momento en que era necesario extremar os coidados. Claro que isto só o soubemos despois de ter pasado. E, como non se permite o contacto co exterior, non autorizaban ningún envío de roupa ou o peculio”, continúa Vanesa.

No seu caso , ainda houbo outro problema. O seu marido tiña dereito a desfrutar de seis días de licenza no primeiro semestre do ano e só puido sair tres.

“No Real Decreto non se fai mención a este punto e non sabemos se eses días serán recuperabeis e acumulabeis cando pase esta situación de excepcionalidade. Tampouco o Defensor del Pueblo ou o Xulgado de Vixilancia Penitenciaria nos explícan nada e eu entendo que agora mesmo están tamén nun momento complicado, como todos, mais non poden esquecer as case 60.000 persoas que hai nos cárceres españois”, explica.

O esposo de Vanesa contaba con que o seu caso fose examinado na reunión da Xunta de Tratamento do mes de marzo, mais esta reunión foi suspendida polo Estado de Alarma e a crise sanitaria. “Enténdoo porque a situación non a elixiu ninguén. Ora, o tremendo é que algunhas si que se celebraron, mais de forma discrecional. Supoño que teñen un motivo para facelas, mais non o explicaron. Non din nada e iso fai pensar que toman a decisión pola súa conta. ‘A nosa’ Xunta de Tratamento foi adiada até maio, mais non creo que se leve a cabo”, engade.

Antes de terminar o seu testemuño, Vanesa non quere deixar un asunto importante: A tan publicitada entrega de terminais telefónicos que supostamente fixo Institucións Penitenciarias para fomentar o contacto co exterior. “O que non dixeron é que, para poder ter esas comunicacións é en base ao artigo 155 do Regulamento Prisonal, quer dicir, cando se produce unha defunción ou un problema grave de saúde”, explica.

David González

ElCierreDigital