A todo xurista e cidadán sorprende que a aplicación da Disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, implicase a suspensión dos procedementos tramitados ante o Consello de Goberno e Transparencia, ou sexa, porta trancada ao Portal de Transparencia e o poder público continúa a avanzar sob o radar do control.

 

f8ce314d30cde1f6463491b74a6870b0

 

Unha enxurrada de voces autorizadas e críticas alzáronse para mostrar a incongruencia de que precisamente canta mais transparencia é precisa, menos se atenden as demandas de información, revivindo a frase de Ortega e Gasset:«Ninguén sabe o que pasa e iso é o que pasa».

Confeso que sob a aparencia de ofrecerse moitísima información mediática e oficial, xamais sufrín tantísima incerteza en tantísimos planos.

No plano normativo, é incríbel que un Real Decreto de Estado de Alarma ampare tantos Decretos leis e tantas Ordes ministeriais e ‘contra-ordes’ ministeriais ou instrucións, o que reclama o dereito cidadán a coñecer a xestación das mesmas, o seu alicerce documental, o que ou quen está por trás delas e a súa avaliación interna de impacto.

No plano técnico porque a información científica sobre a crise sanitaria, manexada ou invocada oficialmente, resultou imprecisa, instábel e con escasa credibilidade. Talvez coñecendo as fontes científicas e as súas credenciais técnicas ou académicas, podamos alimentar a ilusión da boa dirección.

No plano procesual porque moitos eran os cociñeiros, Ministerio de Xustiza, Consello Xeral do Poder Xudiciario e non sempre quedaron conformes co guisado os comensais (avogados, procuradores, funcionarios de xustiza, xuíces e usuarios), o que aviva o dereito a saber.

No plano social e persoal porque foi difícil saber a que aterse sobre condutas permitidas e prohibidas, a súa extensión e circunstancias.

 

ice_00240210

 

E en xeral, porque existe un bloque inmenso da Administración pública que continuou funcionando, alleo ao estado de alarma, a respecto do cal os usuarios e cidadáns en xeral teñen dereito a coñecer medidas, criterios e custos.

O dereito do cidadán a unha resposta que mereza tal nome tradúcese no dereito a preguntar, e o dereito á información ou resposta motivada. Ademais a mellor maneira de combater boatos e fake news é a luz da transparencia. Para iso ten que estar aberta a caixa de correos ou o Portal de Transparencia. A Administración pública actúa armada de privilexios e potestades que non se suspenden no Estado de Alarma e o cidadán ten lexítimo dereito a coñecer, para poder comprender e, sendo o caso, acatar ou defenderse. A tutela xudicial efectiva está en xogo, pois dificilmente pode loitarse contra un inimigo invisíbel ou cando se ocultan probas.

Na vertente xurídica, apoiareime no fundado artigo de Juan Mestre Delgado, Catedrático de Dereito Administrativo, talvez una das máximas autoridades académicas no dereito constitucional de acceso a arquivos e rexistros (art.105 b,CE) e no dereito legal de transparencia (Lei 19/2013), que publicou no Diario de Derecho, Iustel de 29 de abril de 2020, sob o título La transparencia de las Administraciones públicas en tiempo de coronavirus (Covid 19) , onde, coa súa habitual e didáctica clarividencia afirma:

«Nin na regulación xeral do dereito en cuestión, nin na dos estados do artigo 116 CE, nin na lexislación de sanidade nin de saúde pública, nin sequer na de seguranza pública, está previsto de forma expresa que poida producirse tal resultado ou consecuencia sobre o dereito de acceso á información”.

Non existen álibis para recortar a transparencia:

“Nin por razóns organizativas nin de xestión do emprego público, nin por suposto por razóns materiais ou de fondo. No contexto en que foi declarado o estado de alarma, non parece que a limitación sobre o dereito de acceso á información ache xustificación obxectiva e razoábel algunha, en termos diferentes aos limites establecidos con carácter xeral na regulación do dereito de acceso (arts. 105.b da Constitución e 14 da Lei 19/2013)”

A declaración de alarma non pode todo, non pode vergar a Constitución nin os dereitos:

“A declaración do estado de alarma nin emenda nin altera a regra xeral (incluídas as excepcións ou matizacións que contempla a Lei e a xurisprudencia, europea e interna) nin respaldaría unha especie de opacidade, nin definitiva nin transitoria, no proceso de tomada de decisións. A excepción ao principio de transparencia só se xustifica por razóns obxectivas, razoabeis e proporcionadas. As previstas nas leis, e conforme a un criterio de interpretación restritivo. (…) As regras que delimitan o dereito de acceso á información non soportan excepcións nin limitacións por razón do estado de alarma, en particular por razón do coronavirus en que se baseou. Ben ao contrario, a restrición de dereitos e liberdades que implica o estado de alarma obriga a manter, e mesmo robustecer, a significación, alcance e eficacia do dereito de acceso á información. E, en situacións excepcionais como a que nos asola, trátase dun elemento esencial e determinante de control do poder executivo e da garantía dos dereitos dos cidadáns.”

O autor recusa a falacia do paraugas estatal para negar este dereito, consistente na imposibilidade de tramitar procedementos administrativos e xudiciais, que demandaría a suspensión universal, en liña co ulterior artigo do seu colega José Luís Baño León:

“Non existe, desta perspectiva, xustificación para a suspensión xeneralizada: é perfectamente posíbel manter a tramitación por escrito, e mesmo non presentaría particular conmoción procesual a celebración do acto da vista en sede xudicial mediante vídeo conferencia.”

 

Print

 

Canto a min, creo que estas denuncias e debates sobre a transparencia deben servir para a valorarmos máis e para que non se repitan estes apagóns informativos. En suma, non debe ser esquecido que a transparencia non só serve ao control, senón para mellorar a xestión, pois coñecer permite aplaudir, suxerir e actuar en consecuencia. O que demostra pouco é tratar os cidadáns como crianzas grandes, manténdoos entre os pasaxeiros do avión sen recibiren explicacións sobre quen tenta controlar as turbulencias. Xa o saberán cando o avión aterrar ou cando se despeñar.

O único consolo desta falta de transparencia é que, como o Guadiana, volverá gañar a súa vixencia práctica cando se abrir a porta a novos procedementos de solicitude de información e nesa altura si poderá pedirse información ‘retroactiva’. Entón saberemos o que había na caixa negra.

E sen esquecer que, fóra do ámbito administrativo, as actuacións penais que se anuncian, con ou sen razón sólida, e que enxamearán depois do estado de alarma, non teñen freo no seu dereito a saber.

JR Chaves

De la Justicia