Avogados consultados polo xornal dixital Público lamentan a “oportunidade perdida” para abordar a seguranza cidadá dunha perspectiva “realmente progresista e transformadora”. Así mesmo, cualifican estas correccións rexistradas por PSOE e Unidas Podemos de “retoques”.

 

Imagen de archivo de una protesta contra la ley mordaza. Imaxe de arquivo dun protesto contra a lei mordaza. Luca Piergiovanni / EFE

 

 

A reforma da polémica Lei Orgánica de Seguranza Cidadá, coñecida como lei mordaza, gañou un novo impulso esta cuarta-feira no Congreso despois de que se fechar, após 40 ampliacións e un ano despois, o prazo de emendas ao articulado á proposta de modificación promovida polo PNV.

Neste sentido, os partidos que sosteñen o Goberno de coalición chegaron a un acordo para rexistraren conxuntamente as emendas ao texto despois de varias reunións capitaneadas polos secretarios de Estado Rafael Simancas (PSOE) e Enrique Santiago (Unidas Podemos). No entanto, cada formación decidiu facer tamén o propio por separado.

As 51 emendas rexistradas van na liña do avanzado hai dúas lexislaturas, cando a proposta de reforma, tamén do PNV, era tramitada na Comisión de Interior (aínda que non puido ver a luz polo adianto electoral). E presentáronse, segundo estas formacións, para voltar a garantir o libre exercicio de dereitos fundamentais como o de reunión, manifestación e información.

Uns preceptos constitucionais que foron menoscabados após a aplicación dunha norma que o PP promulgou en solitario en 2015, coincidindo cun momento de contestación social aos recortes do Goberno de Mariano Rajoy ao calor da saída da crise de 2008.

Desde a súa posta en andamento, tanto activistas e organizacións do Estado como o Defensor del Pueblo e numerosos organismos internacionais, entre eles o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas ou a Comisión Europea, denunciaron as sancións contra xornalistas, activistas e artistas en aplicación desta lei que, por outra banda, sementou unha sorte de autocensura entre a cidadanía por temor á represión administrativa.

Comunicación previa

Tendo en conta que PSOE e Unidas Podemos, que recolleron no pacto de Goberno a derrogación dos aspectos máis lesivos da norma (unha promesa reiterada tamén nos seus programas electorais), fixeron públicas as súas propostas de mellora, os xuristas consultados por este medio lamentaron a “oportunidade perdida” para abordar a seguranza cidadá dunha perspectiva “realmente progresista e transformadora”.

A avogada penalista Isabel Elbal reduciu as emendas dos socios da coalición a “correccións mínimas”, que “causan alarma” ante a evidencia de que esta lei “ten vocación de permanencia”, dado que o Goberno, o máis progresista da historia, “ficou aquén” do necesario.

Neste sentido, destaca o avance que supón que se deixe de considerar como infracción leve (multadas con entre 100 e 600 euros) as manifestacións que non foron comunicadas e que respondan a unha rápida expresión nas rúas ante un acontecemento de repercusión social, como o acontecido nos protestos posteriores á sentenza da ‘Manada’ de Iruña.

Aínda que se mantén a penalización aos promotores e organizadores polos actos que alteren a orde neses eventos. “Penalizamos o promotor por un feito que pode cometer un individuo do que non se ten que responsabilizar ningún organizador. Non nos parece que responda ao principio de culpabilidade, que ten de estenderse a quen faga o acto en si. Polo que seguirá fomentando quen boicotea as manifestacións para obstruir o seu desenvolvemento”, explica a Público.

Así mesmo, Carlos Sánchez, director legal da Plataforma pola Liberdade de Información (PLI), sinala que as circunstancias que eximen os organizadores de comunicaren con previo aviso unha manifestación deben ir alén do previsto na reforma. “Só deberían ser sancionadas aquelas concentracións que afecten a infraestruturas críticas cando sexan non comunicadas, como un cuartel, por exemplo”, expón, sen deixar de mencionar que a ausencia da comunicación previa foi a chave do 15-M.

Conceptos ambiguos

Elbal tamén critica que o texto de emendas continúe sen especificar os conceptos ambiguos que se empregan para sancionar condutas, como o feito de “perturbar a seguranza cidadá”. “Esta indefinición implica que a cidadanía non saiba o que pode ou non pode facer. E, se non o sabe, hai unha especie de autocensura. Isto chámase incerteza xurídica e ante isto, a cidadanía cre que o mellor é ficar na casa e non saír protestar”, clama.

Canto ás devolucións en quente de migrantes na fronteira, cuxa prohibición non se levou a cabo como estaba estipulado, adiando esta regulación á futura reforma da Lei de Estranxeiría, tanto Isabel Elbal como Eric Sanz de Bremond, membro de Rede Xurídica (unha cooperativa madrileña de avogados), lamentaron este feito de “extrema gravidade”, que deixa sen dereito a unha tutela xudicial efectiva este colectivo.

Nun artigo de opinión publicado esta cuarta-feira en Público, Sanz de Bremond subliña que se segue mantendo a presunción de veracidade dos axentes nos procedementos sancionadores (non penais) apesar de o PSOE e Unidas Podemos proporen matizalo “sempre que resulte coherente, lóxico e razoábel”. “Custa imaxinar que este matiz supoña, de facto, o máis mínimo límite á esa presunción, que moitas veces fai inútil exporse a recorrer”, argüi este avogado.

Así mesmo, fai referencia á emenda introducida por estes grupos para regular o uso da forza e a utilización de material antidisturbios: “É máis un compromiso que unha regulación, cando se afirma que as autoridades competentes deberán desenvolver un protocolo respecto diso”.

Mantéñense dous dos preceptos máis utilizados

Por outro lado, o director legal da PLI destaca as emendas que rexistrou Unidas Podemos por separado, xa que teñen “maior sensibilidade social”, como a que pretende protexer as mulleres en contextos de prostitución frente a posibeis sancións ou a que suprime do apartado de sancións graves a mera pose de plantas de marihuana en balcóns ou terrazas.

No entanto, a organización da que Carlos Sánchez forma parte informou esta cuarta-feira a súa preocupación através dunha carta asinada pola súa presidenta, Virginia Pérez Alonso, ante dous artigos que poderían manterse e que non están entre os que foron revisados polo Tribunal Constitucional, que xa declarou inconstitucional o artigo 36.23 sobre a autorización para captar imaxes á Policía.

Son os que fan referencia á “desobediencia á autoridade” (art. 36.6) e ás “faltas de respecto” (art. 37.4), dúas das infraccións máis utilizadas no cadro da ampla lei mordaza. “Alármanos que os artigos máis lesivos desta norma sexan conservados, permitindo que se sigan recortando dereitos fundamentais en vía administrativa en base a conceptos difusos, sen as suficientes garantías e sen a exixíbel intervención xudicial”, di a misiva remitida ao porta-voz de Interior do PNV, Mikel Legarda.

“Retoques á lei”

Contodo, Carlos Sánchez lamenta que estas emendas pretendan eliminar os aspectosmáis “agrestes” da norma de seguranza cidadá, en lugar de acometer a esixida derrogación dos aspectos máis lesivos. Polo que, en palabras de Eric Sanz de Bremond, “avánzase un paso” despois de “termos recuado dous”.

Así mesmo, ante o escenario de tramitación parlamentar que se abre co rexistro das emendas por parte de todos os grupos e a súa discusión na Comisión de Interior, Elbal móstrase pesimista no que toca á ambición que poida alcanzar a modificación da lei mordaza: “Temo que o Goberno fixou un marco e fóra dese marco non haberá nada que poida sorprendernos. É unha mensaxe de que se non se puido conseguir máis. É un panorama desolador. Son retoques á lei, sen máis”, resolve.

Público