Ana López-Suevos é maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago. Recoñece sentirse moi preocupada polo aumento dos delitos de carácter sexual, que malia a estaren recollidos na Lei galega de violencia de xénero, non son obxecto do xulgado especializado. Denuncia que as agresións e os abusos sexuais son cada vez máis frecuentes e violentos. Pero, sobre todo, insiste no sufrimento engadido que causan ás vítimas a investigación e o axuizamento deste tipo de delitos.

A que se debe o aumento dos delitos sexuais?

Non o teño claro. Por iso creo que é urxente que as institucións encomenden un estudo moi serio a nivel estatal para dar coas causas últimas deste incremento e do cambio de modalidade deste tipo de delitos. Eu sei que aumentaron porque son xuíza de instrución, levo 22 anos traballando e podo comparar o que pasaba antes co que pasa agora; pero non existen estatísticas. E son fundamentais, por razóns de política criminal, para facer prevención e poder abordar os autores e a propia investigación.

En que medida aumentaron os delitos sexuais?

Eu entro de garda cada 15 días. Son gardas de oito xornadas, e hai veces que nese tempo teño cinco delitos de agresión ou de abuso sexual. Son moitos. E non é que antes non se denunciasen, é que non os había. Agora tampouco se denuncian todos. E non estou segura de que se denuncien máis. Outro asunto a estudar: Por que non se denuncia nin se perseguen delitos tan graves, deixando os agresores impunes.

Existe un detonante que explique a suba dos delitos sexuais ao tempo que muda a súa tipoloxía?

Creo que hai un efecto imitación. Por exemplo, no caso das agresións sexuais en grupo. E creo que o porno dirixido aos homes, o dominante, dá unha visión da sexualidade pensada por e para homes desde un punto de vista depredador masculino. Detéctoo a miúdo nalgunhas declaracións. Autores que ven normal ter sexo cunha muller que non deixa de chorar. Non o identifican como falta de consentimento porque o viron nun vídeo. Iso de que o porno mainstream está facendo moito dano podería ser certo, por iso reivindico un estudo serio xa.

Apuntaba cambios significativos no tipo de delitos sexuais que se cometen.

De vello, están os que se producen no ámbito intrafamiliar, que seguen sendo moitos, e os que cometen descoñecidos. Agora hai dous novos escenarios. O da submisión química e o das redes sociais. No primeiro caso someten as mulleres dándolles a inxerir unha sustancia que as converte en autómatas, sen capacidade para consentir nin opoñerse. Sofren amnesia e anestesia, de tal xeito que poden facer con elas o que queiran coa seguridade de que non van recordar nada. Despois está o fenómeno das redes sociais, onde a rapazada queda para coñecerse, ter sexo ou valorar se o van ter. Chegado o momento, a unha rapaza xa non lle dan a posibilidade de dicir que non. Porque non me gustas, non quero desta maneira ou non quero agora, neste lugar. Non teñen opción e son vítimas da violencia e a coacción.

Quen son os autores deste tipo de agresións?

Rapaces moi novos, de entre 18 e 22 anos, de clase media e con estudos, socialmente integrados e cunha nula conciencia do delito. Por un descoñecemento absoluto da sexualidade feminina e porque non saben o que é o consentimento, que ha de ser sempre expreso e todo o tempo. E isto non significa que queiramos levar un notario ao acto sexual. Manifestar querer ter sexo con anterioridade non significa que, chegado o caso, teñamos que soportalo todo ou non poidamos convir cando, como e onde vai pasar.

En que medida estas novas modalidades dificultan a investigación?

Hai moitos prexuízos que vencer e retos propios da investigación. En casos de submisión química a principal fonte de proba, a declaración da vítima, non existe. Cómpre un traballo de reconstrución moi rigoroso. Cando tes que investigar unha agresión sexual que non deixa grandes marcas de violencia pero si un intercambio de mensaxes previas, en Whatsapp ou Instagram, nas que a muller di que lle gusta o sexo e que estaría disposta a telo, é habitual poñer en dúbida a declaración da vítima. É normal que se diga que foi por desquite, por vergoña ou porque se arrepentiu, cando a investigación dun delito sexual é algo moito máis serio que esixe empatía e reflexión.

Ten que mellorar a formación en materia de xénero?

Debemos cuestionarnos permanentemente. Policía, Garda Civil, forenses, xuíces, fiscais. Os operadores xurídicos aínda estamos imbuídos de certos prexuízos, e definitivamente non podemos investigar nin axuizar as cousas desde os nosos parámetros persoais. A sociedade vai máis aló, cambia, e iso obríganos a valorar cada situación de forma distinta.

Que consecuencias ten esta falta de empatía para as vítimas de delitos sexuais?

A comunidade experta leva moitos anos dicindo que a investigación e o axuizamento deste tipo de delitos produce vitimización secundaria. Cando te agriden sexualmente agriden a túa liberdade sexual pero tamén a túa integridade física, a túa integridade psíquica, a túa liberdade de movemento. Está moi estudado que o que máis temen as vítimas no momento do ataque é que as vaian matar, o que provoca un grave dano psíquico. O proceso xudicial está pensado para que a vítima teña que repetir o seu relato de forma reiterada: en dependencias policiais, no xulgado, en probas periciais, no xuízo. Por riba, se cada vez que o repite sente que non a cren, que a están cuestionando, que actúan con prexuízos, a vitimización é desbordante. O obxectivo ten que ser reducila ao máximo.

Que medidas se deberían adoptar?

Hai que intentar que as mulleres adultas vítimas de delitos sexuais declaren as menos veces posíbeis. Eu estou en comunicación cos corpos de seguridade para que no momento en que unha vítima queira denunciar, declare directamente no xulgado sen pasar pola comisaría ou polo cuartel. Non porque non o vaian facer ben, senón para evitar que declare alí e aquí. Eu sempre me entrevisto coa vítima para explicarlle como vai ser o procedemento xudicial e restarlle ansiedade. Tamén lle digo que non admito cuestións nin sobre as prácticas nin sobre a vida sexual de ninguén. A lei di que os xuíces temos que velar por que as preguntas non afecten á intimidade das persoas de forma innecesaria ou facéndoas sentir mal. Por iso, se hai algunha cuestión que alude á súa vida sexual é porque é absolutamente imprescindíbel para investigar o delito. É preciso informalas para evitar que se sintan cuestionadas. E chegado o caso, é urxente cortar de raíz este tipo preguntas demoledoras, porque aínda que eu as declare impertinentes, a vítima xa as escoitou e xa lle causaron dano. Son iniciativas persoais.

Forman parte dalgún protocolo oficial?

Son medidas que fun introducindo porque estaba moi preocupada polo sufrimento que vía. Desde hai un tempo, en Santiago funciona un grupo de traballo formado por distintas institucións implicadas neste tipo de delitos e na súa instrución. Xuntas detectamos en que estamos fallando e como podemos mellorar os procedementos. Algunhas cousas van mudando. Agora contamos cunha psicóloga da atención ás vítimas que as axuda a entrar na declaración e que as acompaña durante o relato. Eu sempre recorro a esta figura e nunca fago que a muller declare ante min, o fiscal e o letrado da defensa. Faino noutra sala por videoconferencia e ela escolle se nos quere ver ou non. O cambio esencial que reivindica parte da consideración do sufrimento psíquico das vítimas. Temos vítimas que mentres non chega o xuízo sofren incontinencia fecal, bulimia, intentos de suicidio e moita ansiedade. Tamén as menores de idade. No seu caso, ao igual que no das persoas máis vulnerábeis, a lei prevé a posibilidade da proba preconstituída co fin de evitarlles declarar no xuízo. Fano na fase de instrución, perante o xuíz, o fiscal e o avogado defensor. Esa declaración grávase e lévase ao xuízo. Ben, pois eu considero que debera haber unha reforma legal para poder adoptar o mesmo procedemento coas mulleres adultas vítimas dos delitos sexuais máis graves que corren o risco de seren destruídas psicoloxicamente.

Que acollida teñen as súas propostas no ámbito xudicial?

Son polémicas porque din que vulneran o dereito de defensa, eu, que son supergarantista. Creo no Estado de Dereito,
creo no dereito de defensa, e son moi rigorosa con el. Abordo cada caso con absoluta imparcialidade, sen presumir culpábel ou inocente ningún dos actores dunha agresión sexual. Pero en determinados delitos debemos poñer as vítimas nunha posición principal, porque as estamos perdendo a causa de tanto sufrimento.

En que sentido?

Moitos delitos sexuais non se denuncian por medo ao proceso xudicial. Sábentan vitimizador que non queren denunciar. E os medios de comunicación non actúan de xeito responsábel. Co caso da manada fixeron moito dano. Cando a médica forense acode
ao hospital explorar unha vítima sexual e a informa de que pode denunciar, o primeiro que escoita é que non. Porque ten medo, porque se van filtrar os detalles, porque non a van crer e porque lle van estar recordando cada día o que lle pasou. Eu entendo as vítimas. Pero igual non se sentirían así se se viran arroupadas, acollidas e ben tratadas institucionalmente.
Os delitos sexuais xa non o son contra a honra, sono contra a liberdade sexual, un dos bens xurídicos públicos máis importantes defendidos polo Estado. Até que punto se pode permitir o luxo de facer depender a persecución destes delitos da denuncia da vítima?

Susana Rois

Sermos Galiza