“Cando fecharon os manicomios os cárceres enchéronse de tolos”. As palabras que dan título a este artigo son dun preso do cárcere de Albolote e gardan unha estreita relación cunha importante sentenza do Tribunal Constitucional (TC), publicada no pasado 17 de agosto no Boletín Oficial do Estado.

 

prision Badajoz carcel centro penitenciario

 

A sentenza (STC 84/2018) resolvía un recurso de amparo presentado por J.M.C., quen previamente fora absolvido dos delitos polos que fora acusado por padecer doenza mental, e ao que se impuxo como medida de seguranza o internamento en centro psiquiátrico cun límite máximo de 12 anos. En tanto se resolvían os distintos recursos presentados polo seu avogado, a Audiencia Provincial de Córdoba acordou que J.M.C. ingresase na Unidade Psiquiátrica do Centro Prisional de Córdoba. Un ano despois daquela decisión, a resposta do TC sorprende por garantista, ao recoñecer que o ingreso na Unidade Psiquiátrica era unha ‘prisión encuberta, carente de absoluta cobertura legal’.

O internamento no centro psiquiátrico como prisión encuberta

O primeiro problema que levanta a sentenza do TC é o qué facer cunha persoa que foi absolvida de responsabilidade criminal mais á quen, no seu lugar, foille imposta unha medida de seguranza. Neste punto, os distintos tribunais que observaron o caso móvense nunha tensión constante entre o ‘perigo’ do individuo e a súa rehabilitación. En teoría, segundo a Lei de Proceso Penal (LECrim no seu acrónimo en español), «todo procesado absolvido será posto en liberdade inmediatamente», mais o mesmo precepto establece como excepción o feito de haber outros motivos que fagan necesario adiar a saída de prisión.

Ante esta situación, nos últimos anos encontramos, como mínimo, dous tipos de respostas por parte dos tribunais: a extensión da prisión provisoria ou o internamento en centro psiquiátrico. Desta feita vemos como, noutro caso similar ao que nos ocupa, a Audiencia Provincial de Cádiz decidiu prolongar a privación de liberdade provisoria en tanto esperaba a finalización do proceso xudicial.

O TC deu a razón novamente ao interno ao comprender que a prisión provisoria estaba destinada a persoas condenadas e non, como era o caso, ás absolvidas de responsabilidade penal. Por outra parte, na sentenza que nos ocupa, a Audiencia Provincial de Córdoba utiliza un camiño diferente para atinxir o mesmo resultado: mantense privada de liberdade unha persoa absolta nunha «Unidade Psiquiátrica», que non existía no Centro Penitenciario de Córdoba, como puido comprobar máis tarde o propio Constitucional.

En ambos os casos, o suposto perigo do absolto sobreponse por completo a calquera tipo de intervención terapéutica destinada á súa rehabilitación. Como diciamos máis arriba, o propio TC recoñece na súa fundamentación xurídica que tanto o Ministerio Fiscal como o demandante de amparo «levan razón cando califican a situación do recorrente […] como unha prisión encuberta, carente de cobertura legal».

Á espera de que se regule esa lacunal legal, o TC mostra unha alternativa a esta situación: o internamento involuntario nunha unidade psiquiátrica dun hospital civil. En ningún caso se trata dunha solución, dado que esta medida está prevista para crises agudas e non para ofrecer un tratamento adecuado ás necesidades dunha persoa que foi eximida de responsabilidade penal ao ter un trastorno mental.

Contodo, tal e como sostén a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía, estas persoas non deben estar nun establecemento prisional. Grazas ao traballo que están a facer senadores como Jon Iñarritu ou Maribel Moura, sabemos que entre o ano 2007 e 2016 o 46% -109 persoas- dos falecementos por suicidio dentro de prisión eran tratadas por doenza mental. Case a metade delas aconteceron cando estaban en réxime de isolamento.

Os hospitais psiquiátricos penitenciarios non son unha solución. Son numerosos os estudos que advirten do aumento de persoas con doenza mental dentro de prisión. Por exemplo, a finais do século XX, Richard Lamb publicou unha revisión da literatura relacionada sobre encarceramento de persoas con algún tipo de doenza mental en que apuntaba unha crecente preocupación sobre esta cuestión. En 2005 o mesmo Lamb apuntaba unha posíbel explicación e é que as profundas mudanzas que se estaban producindo no sistema de saúde mental norteamericano outorgaban, ao mesmo tempo, un maior protagonismo ao sistema penal. Un escenario similar encontramos nos Estados europeos. Nun estudo publicado o mesmo ano no British Medical Journal, Stephen Priege e outros suxerían que o aumento da poboación carceraria con trastorno mental non tiña tanto a ver con «factores específicos de morbilidade ou atención sanitaria, senón que podería ser impulsionada por un “espírito” cara á contención do risco na sociedade europea do século XXI». Por último, en 2007 publicouse o estudo EUPRIS do Central Institute of Mental Health da Comisión Europea onde se sinalaba que o 12% das persoas presas nos cárceres europeos necesitaba un tratamento psiquiátrico especializado.

En España, a alternativa que se tentou ofrecer a esta situación foron os Hospitais Psiquiátricos Penitenciarios ou as Unidades Psiquiátricas. Ambos os espazos foron duramente criticados. É de especial interese o testemuño de quen fora xurista do Hospital Psiquiátrico Penal de Alacant, Jesús Cáceres, ou un artigo escrito da profesora Tàlia González Collantes. Nun momento en que comezan a despuntar movementos críticos como Primeira Vocal, coa súa campaña #0contencións, ou correntes críticas como a «postpsiquiatría», pode ser unha boa ocasión para tentar ir alén dunhas institucións que funcionan como «prisións encubertas». Pola contra, non nos debería estrañar que nun futuro o Goberno decida resolver o baleiro legal sinalado polo TC cunha expansión da prisión provisoria.

Francisco Miguel Fernández Caparrós

eldiario.es (blog da APDHA)