Foron acusados de tres delitos contra a integridade moral cometidos en xuño de 2014 nun control na AP-6 contra catro ocupantes dun vehículo.
A garda civil realizando un control de estrada en Noitevella, en Madrid a 30 de decembro de 2021- Jesús Hellín / Europa Press
Dous axentes da Garda Civil foron condenados a unha pena de ano e medio de cárcere e seis de inhabilitación como autores de tres delitos contra a integridade moral de catro persoas que viaxaban nun vehículo en xuño de 2014. O vehículo foi detido polos axentes nun control na AP-6, na portaxe de Espinar (Segovia) e, segundo a sentenza, os axentes pasaron os límites na revista realizada ás catro persoas que o ocupaban.
O fallo da Audiencia de Segovia, que aplica aos dous axentes a atenuante de dilacións indebidas, exime de culpa unha funcionaria do mesmo corpo que tamén fora acusada polos mesmos feitos, segundo a información do Gabinete de Prensa do Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León recollida por Europa Press.
A sentenza dá por probado que o día dos feitos os dous condenados e a axente absolvida estaban na altura do quilómetro 60 da AP-6, en El Espinar, realizando un operativo de identificación selectiva de vehículos e persoas en vías de comunicación para localización de drogas tóxicas, armas ou obxectos subtraídos.
Foi sobre as 11.00 horas cando un deles parou un turismo en que viaxaban tres homes e unha muller e o conduciu á zona balizada onde se realizaba o control. Alí deu a orde ao condutor de deter o vehículo e pediu a todos os ocupantes a documentación identificativa para, a seguir, axudado por outro axente e unha funcionaria do corpo, sometelos a unha revista corporal despois de pedirlles vaciaren os bolsos.
A axente absolvida apalpou a roupa da única muller que viaxaba no vehículo e introduciu unha man por baixo da camiseta de tirantes para tirar do elástico inferior do sostén e comprobar se levaba algo oculto no mesmo, “e metendo as mans polos laterais da cintura do pantalón co mesmo fin, todo iso en tanto ela mantiña os brazos levantados”, situación que provocou os saloucos da inspeccionada dado que era a primeira vez que se vía nunha situación así.
“Nesta situación, un dos axentes soltou unha expresión similar a “a ver, rapaza, non te poñas así que isto é un control normal”, que os denunciantes consideraron irónica ou burlona A axente feminina acusada acrecentou a ese comentario “é que non gustou de como a toquei” no mesmo ton zombeteiro ou de burla; o que motivou que un dos ocupantes do vehículo protestase por ese comportamento e esixise un trato respectuoso.
Entretanto, varios axentes estiveran inspeccionando o vehículo, sen que en momento algún realizasen unha inspección cuidadosa das bagaxes. Preguntaron aos denunciantes onde levaban a droga e despois de eles insistiren que non levaban droga, un dos axentes condenados decidiu realizar outra revista persoal dos homes, solicitando a presenza do outro condenado, para que actuase como apoio.
Desta forma os axentes agora condenados indicaron a cada un dos tres homes que se dirixisen, de un en un a medida que os irian chamando ás escaleiras situadas nunha dos illotes onde están as cabinas e caixeiros, escaleiras de servizo que comunican baixo terra os diferentes illotes e que terminan nun pequeno patamar e unha porta.
Esta actuación comezou por un dos ocupantes, ao que un dos axentes condenados ordenou tirar os zapatos, dar a volta ás peúgas e baixar os pantalóns e os calzóns. O denunciante negouse a baixar os calzóns, o que provocou que o outro condenado o ameazase con detelo e procedese a baixarllos el mesmo.
Terminada esta intervención, os axentes indicaron a outro dos ocupantes do vehículo que se dirixise ás citadas escaleiras e tirase os zapatos e as peúgas, e baixase os pantalóns e os calzóns, así como que se levantase os xenitais.
Despois de finalizar , deuse a mesma orde ao terceiro ocupante: baixar as escaleiras, tirar as as alpercatas e baixar pantalóns e calzóns.
Aínda que a Audiencia de Segovia precisa na súa sentenza que “nunca é agradábel ter que xulgar membros das Forzas e Corpos de Seguranza de Estado por un feito delituoso, e moito menos pola comisión de feitos contra outros cidadáns derivados dun abuso de poder ou da causación de tratos degradantes”, si entende que no presente caso os dous funcionarios condenados cometeron excesos “sen motivo suficiente e contrariando de forma expresa os protocolos de actuación vixentes”, causando en tres das persoas sometidas a esas prácticas unha humillación obxectiva que se traduciu en sentimentos de vergoña e humillación.
Todos estes feitos foron presenciados por un dos condenados, que desde o alto da escaleira cubría a actuación do seu compañeiro e apesar diso nada fixo por evitalo, chegando no caso dun dos denunciantes a apoiar o outro condenado na esixencia da orde de baixar os calzóns.
Despois de acabar coas actuacións sobre estas persoas e comparecendo o axente ao mando do operativo, deuse por concluída a intervención e os denunciantes foron autorizados a continuaren a viaxe, sen que estes incidentes fosen consignados en ningunha das follas de servizo presentadas.
Con respecto á funcionaria absolvida, o tribunal fundamenta o seu fallo en que a revista foi realizada normalmente e non por iniciativa súa, senón requirida polos seus compañeiros.
“Producíndose no primeiro momento do incidente, tampouco se debe presumir que existise na axente unha intención preconcibida de humillar a vítima”, en referencia tamén a que “as manobras levadas a cabo pola axente eran axustadas á práctica habitual”.
“É certo que podemos discutir se nesa forma de facelo puido haber algún exceso, como é que esticar o sostén por baixo da camiseta, mais tampouco podemos deixar de ter en conta que se trataba dunha camiseta decotada de tirantes, polo que ese posíbel exceso non é o mesmo que se para iso tivese que meter a man por baixo unha peza de roupa fechada”, conclúe a sentenza.