“O español medio converteuse nun ser anestesiado e con poucas ambicións transcendentais”

Stanley Payne

 

 

 

 

La Guardia Civil escoge un nombre nazi y fascista en la operación empresarial contra Catalunya - Las Repúblicas

 

Sempre fun moi tolerante cos vicios dos outros, un pouco menos cos meus, e así, aínda que nunca me deu por probar droga algunha, tampouco me cheiraba mal que a xente experimentase o que lle parecese sempre que non me implicase. Iso si, o que sempre me causou un espanto monumental, difícil de superar, foi que houbese persoas a quen lles puxesen diante unha dose de anestésico para cabalos e lles parecese boa idea metela no corpo. A primeira vez que o vin foi nun xornal nacional en que eu traballaba hai moitos anos. Aceptouno un colaborador para facer unha reportaxe sobre a droga máis nova do momento. Incríbel.

Esa mesma sensación, entre a estupefacción e o medo, prodúceme comprobar como a democracia española, as súas institucións e os seus votantes aceptan cada vez con maior alegría as doses de anestésico de cabalo que lles inxectan, aos outros e a eles mesmos. Adoran alucinar. As consecuencias da operación Volhov -eu non acredito o do deus dos bosques e a fertilidade, os nomes de operación sempre gardan algunha brincallona e maquiavélica relación para os que as baptizan- son unha boa mostra diso. Non é a primeira vez que o vemos. Toda a xudicialización penal do procés foi posíbel grazas a doses non escasas de anestésico democrático e intelectual, mais estamos a asistir a outra reedición que debería preocupar todo cidadán honesto. En lugar desa reacción de inquietude, vexo xornalistas que desfrutan publicando conversas privadas, vazadas de forma ilegal, en que se descobren rumores -por moi gostosos que sexan, son rumores, non datos relevantes para a formación libre de opinión pública democrática- e mañas entre persoas totalmente alleas ao procedemento, por acaso moi louco, que se instrúe.

Cando en democracia fallan os controis e saltan as porteccións, non só saltan as legais como aconteceu neste caso, senón tamén as convencións democráticas respectadas polos usos e costumes e a ética común. Hai vinte anos, nada disto acontecía. Agora acontece como se non fose nada. Esa é a quetamina social que adormeceu tamén os xuíces ou que lles desatou estrañas reaccións, impropias da súa condición. A quen parece boa idea recibir as conversas entre personaxes públicas e outras persoas, en que falan de cousas alleas a calquera feito penal, e reproducilas sen a máis mínima valoración deontolóxica? Non é boa idea para un xornalista con principios, mais tampouco o é para calquera que, estando atento, repare en que el mesmo pode verse sometido a unha exposición así en calquera momento. Os xornalistas falamos con moitísima xente, quen nos di que algún non foi sometido a vixilancias exhaustivas, precipitadas e alleas ao control de dereitos e garantías que esixe o procedemento? Reparen que unha sospeita de fraude fiscal ármase nun piscar de ollos e daí á conspiración de malfeitores pode faltar apenas un atestado creativo. “Ninguén soportaría que escrutinasen as súas conversas privadas e despois as divulgasen”, comentábame hai uns días unha importante figura do mundo da comunicación. Ninguén. Vostedes tampouco. Seguro que criticaron o xefe ou dixeron mal de alguén ou fantasiaron ou discutiron. Ninguén. Por iso, por esa múltipla indecencia, a do que divulga ilegalmente por interese, a do xuíz que non expurga nin controla o material, e a do último depositario que o publica, sen aplicar criterios nin profesionais nin egoístas, non resulta desatinada a comisión de investigación proposta por todos os partidos nacionalistas no Congreso e da que acaba de baixarse Unidas Podemos, non mais si, o que parece indicar que o Goberno non gustaba. E non o é porque a investigación debida non funciona, porque isto comeza a responder a unha pauta inaceptábel de espionaxe política e de estigmatización do adversario, e porque esta situación é inaceptábel nunha democracia que non meta ketamina en vea a cada momento. Os letrados informaron favorabelmente a comisión e a mesa vai ficar retratada cando decida se o facer ou non. Se non estivesen anestesiados, todos os partidos habían darse conta que as prácticas ilícitas deste tipo poden acabar alcanzando a todos e non porque fixesen algo reprobábel, senón porque lles parece unha guloseima deixar en pelota o rival.

A chegada das tecnoloxías dixitais a un procedemento obsoleto propiciou vacíos legais que converteron todo o proceso de instrución nun espectáculo mediático e iso non se pode soster nunha democracia avanzada que pretenda respectar os dereitos fundamentais

Isto hai vinte anos non pasaba porque case ninguén ousaba vazar sumarios completos á prensa, nin os avogados. Un tempo despois, cando xa ousaban, os xuíces aínda se esforzaban en colocar marcas de auga, truques como erros diferentes en cada copia informática para disuadiren ou poderen localizar o infractor. Agora as copias dixitais corren como a pólvora e chegan aos xornalistas antes que aos propios avogados do procedemento e isto foi así literalmente no caso Volhov.

A cuestión é grave xa que vemos como maxistrados aceptan a invasión indiscriminada e pouco argumentada, prospectiva, da intimidade nunhas operacións que buscan obxectivos claramente políticos, mais tamén obter información e documentación que poida servir como arma nas escaramuzas de partidos. Iso pasou, por exemplo, coa instrución despois arquivada ao delegado do Goberno en Madrid, que obtivo cantidades inxentes de documentación pública. E pasa, por suposto, coa Volhov, en que pillaron todo: móbeis, computadores, tablets, reloxos, correos electrónicos, arquivos da nube e todo baixo o sol. Cousa significativa é que fosen os fiscaiss os que insistisen na desproporción da violación de dereitos que se propuña, en reiteradas ocasións, e que o xuíz, chamado pola lei a protexer os dereitos, fose para a frente. Pasará algo? Non, e esa é unha das chaves polas que este tipo de atropelos con verniz legal se producen e van producirse cada vez máis. Xa ven, un anónimo contando rocambolescas historias que un xornalista esperto tería atirado á papeleira, a todos nos escríben toliños, serve para destripar e arexar a intimidade até de persoas alleas á historia, iso si, persoas sospeitosas polas súas ideas independentistas.

Dá medo que a ketamina nos tolee a todos. Xa verán como hai xornalistas que non gustan que eu diga isto, mais eu non quero ter clics a base de violentar dereitos. A chegada das tecnoloxías dixitais a un procedemento obsoleto propiciou vacuos legais que converteron todo o proceso de instrución nun espectáculo mediático e iso non se pode soster nunha democracia avanzada que pretenda respectar os dereitos fundamentais. Comezamos hai 15 anos conseguindo que nos deixasen meter as cámaras nos xulgamentos, que son públicos -e aínda así había problemas- e acabamos vendo en directo as reservadas declaracións en fase de instrución gravadas polo propio xulgado. Ese é un procedemento penal inexistente, inventado, público, exhibido, que non está na lei e que ten consecuencias.

O novo anteproxecto de lei de instrución criminal prométenos regular a restrición da publicidade desas actuacións e o empeño por protexer a presunción de inocencia, prohibindo prácticas que a vulneren durante a instrución. Isto é para loubar, mais o será menos se non é capaz de achar a fórmula -técnica, coercitiva ou ambas- que o impida e se continúa a ser imposíbel que os maxistrados teñan responsabilidade polo seu abandono na protección dos dereitos polos que están obrigados a velar e se non se chega ao fondo do que acontece no interior dalgúns corpos, que parecen escapar do control xudicial para pasar a ser eles os que embalan o berce do procedemento.

A ketamina inspira experiencias próximas á morte, tamén das democracias.

Esa Beni

El Nacional