A CIG esixe ao Sergas que deixe de reforzar o servizo de emerxencias de Vigo con vehículos en precario.
.
.
(Foto: CIG)
A CIG denuncia o falecemento na quinta feira dun doente cando era transportado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha ambulancia sen asistencia sanitaria enviada polo 061. Desde a central sindical esixen ao Sergas que “deixe de reforzar o servizo de emerxencias con vehículos en precario” e anuncian que solicitarán as pertinentes explicacións sobre o acontecido.
Segundo explican na FGAMT-CIG, os feitos tiveron lugar entre as 13:00 e as 14:00 horas cando unha persoa duns 50 anos que viaxaba no interior dunha ambulancia acompañada por un familiar sufriu unha indisposición e non foi posíbel realizarlle as necesarias tarefas de soporte vital “nin se contaba co material necesario para facelas”.
“O vehículo, pertencente á empresa Coexam, é de tipo A e non está adaptado para poder prestar asistencia sanitaria, ademais de contar unicamente cun condutor”, prosegue a central nun comunicado.
En consecuencia, afirma, o doente ingresou xa falecido nas urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. “A chegada deste vehículo cun só condutor e cunha persoa morta no interior causou un gran balbordo entre o persoal de ambulancias que se atopaba no exterior do centro médico, así como entre os propios traballadorass do servizo de urxencias”.
Dende a FGAMT-CIG lembran que levan tempo reclamando a necesidade de reforzar o servizo de ambulancias en Vigo e na súa área con vehículos da propia rede do 061 para garantir que sexan de tipo B, que son os que están adaptados para poder prestar asistencia sanitaria e nos que viaxan dous profesionais co título de técnico. “Pero este verán, debido ao aumento do número de emerxencias, o 061 reforzou o servizo en precario botando man de novo da empresa Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam); fíxoo sen licitación e sen aumentar a rede propia”.
“Ante o elevado número de servizos derivados polo 061, a empresa opera con até catro ambulancias, pero tres delas son de tipo A, polo que non están preparadas para prestar asistencia sanitaria. E noutras ocasións usan de tipo B, pero cun só condutor, algo totalmente ilegal segundo a normativa de transporte sanitario de Galiza”.