Durante a chamada por Putin “Operación militar especial”, as forzas rusas din ter descuberto probas que demostrarían que o Ministerio de Saúde da Ucraína estaría empeñado nunha limpeza de emerxencia para destruir completamente bio-axentes; tamén din teren descuberto documentos semi-destruídos relacionados cunha operación secreta dos EUA en laboratorios en Kharkiv e Poltava, insistindo no carácter altamente militarizado dos bio-laboratorios e nun exceso de patóxenos.

 

 

Can rafeiro nas ruínas dunha escola destruída na aldea de Vilkhivka, perto de Kharkiv, o 25 de maio de 2022, no medio da invasión rusa de Ucraína. SERGEY BOBOK / AFP

 

Nazanin Armanian – Pedro López López

 

Relativamente a este asunto, a China solicitou unha investigación internacional sobre as actividades biolóxicas militares na Ucraína. Ucraína, por súa vez, insiste en que as instalacións eran civís e estaban dedicadas á saúde pública, e que por indicación da OMS destruíron calquera axente altamente perigoso para evitar o risco de surtos no caso de algún laboratorio ser golpeado polas forzas rusas.

Entretanto, as respostas de Washington só aumentan a preocupación e sospeitas. A subsecretaria de Estado, Vitoria Nuland, recoñece a existencia de bio-laboratorios secretos estadunidenses na Ucraína, así como ter recomendadp destruír as probas antes de caeren en mans rusas. (“Estamos a traballar cos ucraínos sobre como poden evitar que calquera deses materiais de investigación caia en mans das forzas rusas”, declarou). Por suposto, non falta a acusación á outra parte; así, a embaixadora dos Estados Unidos ante a ONU, Linda Thomas-Greenfield, acusa Rusia de buscar un pretexto para lanzar o seu propio ataque con armas biolóxicas contra Ucraína.

A guerra biolóxica, ou guerra de xermes, é o uso de toxinas biolóxicas ou axentes infecciosos como bacterias, virus, insectos e fungos coa intención de matar, danar ou incapacitar humanos, animais ou plantas como un acto de guerra.

Pasaron moitos séculos até a algún mando militar lle ocorrer utilizar dardos envenenados para matar con sufrimento tropas inimigas; máis tarde, foron perfeccionadas as armas enviando os doentes de tularemia a terras inimigas, foron envenenados os pozos inimigos co fungo cornezuelo de centeo ou os cabalos do adversario. Xa máis perto dos nosos tempos, o comandante en xefe das forzas británicas en América do Norte, Sir Jeffrey Amherst, tivo a idea de enviar vexigas ás “tribos de indios descontentas”, aínda que foi o ántrax a bio-arma máis utilizada desde o inicio do século XX.

Durante a Primeira Guerra Mundial, Alemaña usou ántrax e muermo para enfermar os cabalos das tropas dos Estados Unidos e Francia, e os franceses infectaron os pobres animais da cabalaría alemá con burkholderia. O Protocolo de Xenebra de 1925 prohibe o uso, mais non a pose, o desenvolvemento e almacenamento de armas biolóxicas e químicas. Así mesmo, os estados poderían recorrer a estas armas como represalia a un bio-ataque.

O exército imperial xaponés produciu e usou armas biolóxicas contra soldados e civís chineses durante a Segunda Guerra: bombardeou Ning-Bó con bombas cheas de pulgas que transportaron a peste bubónica. O Reino Unido fixo o mesmo probando tularemia, ántrax, brucelose e botulismo na illa Gruinard de Escocia.

As bio-guerras dos Estados Unidos

Apesar de que os Estados Unidos, o Reino Unido e a Unión Soviética asinaron a Convención sobre Armas Biolóxicas en 1972, que prohibe o desenvolvemento, a produción, a adquisición, a transferencia, o almacenamento e o uso de armas biolóxicas, continuaron cos seus proxectos, aínda que o país norteamericano é o único que as utiliza de forma masiva, tanto contra a súa propia poboación como contra outras nacións.

Entre o 20 e o 27 de setembro de 1950, na chamada Operación Sexa-Spray, a Mariña estadunidense lanzou, desde mangueiras xigantes a bordo dun dragaminas, unha forte dose de bacterias Serratia Marcescens e Bacillus Globigii en forma de nube, sobre 800.000 habitantes da baía de San Francisco, co obxectivo de monitorar a vulnerabilidade dunha grande urbe a un ataque biolóxico, a súa pegada sobre o medio ambiente e a forma adecuada de o deter. Trátase dun dos maiores experimentos con armas bacteriolóxicas da historia, e sóubose en 1976 por unha investigación do diario Longday Newsday. Noutra Operación, a Big Buzz (1955), o Pentágono produciu un millón de mosquitos A. Aegupti e colocou 300 mil deles en municións para lanzalos desde avións sobre o estado de Xeorxia, en busca do sangue humano.

E as “operacións” continuaron: Baixo a chave da operación Ranch Hand (1962-1971), lanzada contra Vietnam, os Estados Unidos utilizaron bioherbicidas e micoherbicidas (axente laranxa) para destruír bosques e cultivos do país asiático, deixando ao pasar tres millóns de mortos e medio millón de crianzas nacidas con malformacións conxénitas. Sob a presión da opinión pública, Nixon prohibiu en 1969 as investigacións destas armas para o seu uso ofensivo, aínda que non defensivo.

Mais talvez ningunha destas armas poden ser tan baratas como o que veu despois. Após décadas de investigación, chegaron á conclusión de que é posíbel matar 600.000 persoas por apenas 0.29 dólares de custo por cabeza, aínda que o afán das compañías de armas non é matar máis xente, senón gañar máis diñeiro: mellor unha mini bomba nuclear de 16 quilos que custa 10 millóns de dólares. Segundo Newsweek, a Axencia de Proxectos de Investigación Avanzada de Defensa (DARPA) dos Estados Unidos está a crear unha nova clase de armas biolóxicas que se enviarían através de insectos infectados con virus: a guerra entomolóxica (de insectos).

Segundo a China,os  Estados Unidos, que insisten na destrución destas armas químicas e biolóxicas doutros países, é o único país que as ten e se nega a destruír as propias.

En 1982, o exército de estadunidense realizou un experimento coas moscas da area para que levasen o virus do dengue, o zika, o chikungunya e a encefalitis equina oriental; obviamente, non se trata precisamente dunha arma “defensiva”.

E cando en 2002 acusaba o Iraq da pose de armas químicas e bacteriolóxicas como ántrax, ocultaba ao mundo que os sobres con esporas desta bacteria eran atirados á caixa de correos de destinatarios civís estadunidenses desde o propio territorio dos Estados Unidos (laboratorio bioterrorista da base militar de Fort Detrick) por un militar compatriota chamado Bruce Ivins. Anos despois, en 2015, un laboratorio estadunidense en Utah enviara “por erro” mostras de ántrax vivo a unha das súas bases militares en Corea do Sur.

Despois da morte masiva de gando por unha doenza estraña perto do laboratorio do Pentágono en Alma-Ata, Kazajistán, en xullo de 2021, os partidos socialistas e comunistas de Kazajstán, Xeorxia, Letonia e Paquistán esixiron o encerramento dos laboratorios biolóxicos militares dos Estados Unidos na Asia Central, certificando as actividades criminosas dos biolaboratorios militares.

O perigo do ántrax é tal que durante un incidente en Sverdlovsk, na Unión Soviética, ao liberarse accidentalmente esporas de ántrax dunha instalación militar o 2 de abril de 1979, morreron un centenar de persoas. Este accidente foi chamado “o Chernóbil biolóxico”

Armas biolóxicas e dereito internacional

Como protexernos deste tipo de armas e de investigación destinada non a obxectivos militares lexítimos, senón a poboación civil e a causar danos innecesarios do punto de vista militar? O sistema de protección dos dereitos humanos, unha arquitectura construída ao longo de moitos decenios, prevé instrumentos que se funcionaren con efectividade evitarían a maioría dos conflitos internacionais, e en particular os conflitos bélicos, verdadeira finalidade da creación das Nacións Unidas (“Nós os pobos das Nacións Unidas resolvidos a preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra?”, di a primeira frase da Carta das Nacións Unidas). Os tres alicerces da protección dos dereitos humanos -O Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, o Dereito Penal Internacional e o Dereito Internacional Humanitario- xurdiron despois dun longo proceso en que interviron xuristas de extraordinario prestixio e méritos: Desde Lemkin e Lauterpacht para idearen os crimes de xenocidio e contra a humanidade, até Louis Joinet co seu relatorio contra a impunidade, pasando polo xurista ruso F.F. Martens (autor da famosa “cláusula Martens” aínda citada en autos). O enorme e talentoso traballo de xuristas desta categoría é pisado pola realpolitik. Unha recente conferencia do diplomático José Antonio Zorrilla lembraba o principio polo que se rexe a política internacional, que non é outro que a loita descarnada polo poder en función dos intereses nacionais, sen consideracións morais nin xurídicas.

Infelizmente, en materia de dereitos humanos o dereito internacional non dispón de medios de coerción nin de sanción para castigar crimes internacionais (xenocidio, crimes contra a humanidade, crimes de guerra, crime de agresión) máis que nos casos de criminais pertencentes a países débeis. É así como a Corte Penal Internacional en máis de dúas décadas só resolveu nove casos; é así como o delito de xenocidio, aprobado en 1948 non foi aplicado até 1998 (caso Ruanda). As guerras e os numerosos atropelos instigados pola OTAN, os crimes cometidos polas súas tropas ficaron fóra do radar da Corte Penal Internacional.

Se algún día se conseguise que o aparello sancionador funcionase e os crimes fosen castigados -fose quen for o autor-, sen utilizar dous pesos e dúas medidas, talvez estariamos a un paso de evitar as guerras. Esta evolución permitiría tamén que a Corte Penal Internacional fose respectada polos países poderosos -no sentido de que gobernantes e altos militares destes países puidesen ser procesados-, contemplar actuacións que deberían ser delituosas e que non son contempladas neste momento na descrición das condutas que conforman os crimes de xenocidio ou contra a humanidade, ou ben que aínda que sexan contemplados non son obxecto de vixilancia. É o caso do que poden ser considerados crimes económicos contra a humanidade (decisións que se toman sabendo que van custar millares ou millóns de vidas, como no caso de especulación con alimentos ou con fármacos), ou ben a neglixencia en controlar o tráfico de armas cara a países que non respectan os dereitos humanos (empresas españolas exportando armas á Arabia Saudita, por exemplo), ou as actividades de investigación sobre armas prohibidas, como as químicas e bacteriolóxicas, por exemplo.

Como vimos acima, van acumulándose datos e probas da existencia de laboratorios biolóxicos secretos que investigan este tipo de armamento, prohibido pola Convención sobre a prohibición do desenvolvemento, a produción e o almacenamento de armas bacteriolóxicas (1972), cuxo control dista de ser satisfactorio. Seguramente isto é debido a que investigar sobre o desenvolvemento deste tipo de armas altamente letais e loxicamente prohibidas pode ser complicado e require unha vontade política que a día de hoxe non existe. No entanto, o dereito penal internacional considera que “a realización de experimentos médicos e científicos é penalizada cando non obedece a fins terapéuticos, senón só á obtención de coñecementos científicos” (Gerhard Werle, Tratado de Dereito Penal Internacional, § 904). Doutra banda, unha emenda de 2017 ao artigo 8 do Estatuto (crimes de guerra, armas biolóxicas) “inseriu un artigo que define como crime de guerra o uso de armas que utilizan axentes microbianos ou outros axentes biolóxicos, ou toxinas, calquera sexa a súa orixe ou método de produción”.

Cando se achan casos do que Occidente considera inimigos (p. ex., Saddam Hussein, Bashar ao Assad ou nestes días Putin), recibimos informacións detalladas (ás veces falsas) de como utilizaron armamento prohibido, mais cando o uso estivo a cargo de “os nosos”, as informacións non aparecen nos medios hexemónicos. Son casos como o Iraque (o documentarioi Faluya, o masacre escondido, en que se mostran os devastadores efectos de armas químicas utilizadas polos Estados Unidos, curiosamente, é difícil de encontrar) ou Afganistán, onde foron empregadas armas químicas prohibidas pola Convención sobre as Armas Químicas (1993).

Contodo, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, permítese declarar recentemente con total indignación que nestes días na Ucraína “calquera uso de armas químicas mudaría enormemente a natureza do conflito, sería unha flagrante violación da lei internacional e tería consecuencias xeneralizadas e severas”. Hai que resaltar que os Estados Unidos é parte tanto da Convención sobre Armas Bacteriolóxicas como da Convención sobre Armas Químicas.

É particularmente preocupante a existencia de laboratorios biolóxicos secretos tanto na Ucraína como noutros lugares. Que a actividade sexa secreta non augura nada bo, evidentemente non é necesaria a clandestinidade para realizar actividades legais e lexítimas. De maneira que o desenvolvemento dunha investigación destinada a fabricar armamento biolóxico, considerado criminoso polo Estatuto de Roma e outras normas, debe ser cualificado como unha actividade criminosa, e portanto, o lóxico é que sexa unha actividade puníbel dada a súa gravidade.

Cando a comunidade internacional estará disposta a perseguir eficazmente actividades clandestinas de investigación de armamento prohibido pola súa alta criminalidade? Para iso, é necesaria vontade política e acordos tanto no castigo como no control. Talvez contribuiriamos con iso a forxar unha sociedade algo máis decente que a que temos.

Otras Miradas