Na pasada cuarta-feira, 16 de outubro, co gallo do mítin organizado polo partido Vox na Coruña e a resposta que preparaban colectivos antifascistas na cidade, tornaron a producirse identificacións e confiscos abusivos de propaganda. O colectivo Acción Antifascista convocara através das redes, para as 19:00 horas, un protesto contra a presenza do dirixente dese partido e avogado da acusación popular no xuízo ao procés, Javier Ortega Smith, nun acto político nunha sada do Palacio da Ópera. 

 

 

Xa a primeira hora da tarde, dúas persoas foron abordadas por axentes da Policía Nacional cando se dirixían a unha ponte coa intención de pendurar unha faixa. As dúas foron identificadas e a faixa confiscada polos axentes, que non se privaron de realizar varias preguntas impertinentes- polo seu carácter persoal- durante a intervención.

 

Para as 19:00 o colectivo Acción Antifascista convocaba desde as redes un protesto contra a presenza do dirixente de Vox e avogado da acusación popular no xuízo ao procés Javier Ortega Smith nun acto político no Palacio da Ópera.

 

Quince minutos antes da convocatoria, un grupo de persoas que se encontraba no parque de Santa Margarida foi retido polos axentes que custodiaban a zona. Estes procederon a identificar alguns mozos e inspeccionar as súas mochilas. O resultado foi unha nova faixa confiscada.

Xusto a seguir, unha das patrullas dirixiuse a parte superior do parque para continuar realizando identificacións de perfil claramente ideolóxico. O carro policial detívose ao lado de tres mozos que camiñaban pola zona e esixiu a súa identificación, sob a xusificación de se tratar dunha cuestión de prevención, amparada na Lei de seguranza cidadá (popularmente coñecida como Lei Mordaza).

O rexistro prolongouse vinte minutos. Nese tempo, os axentes solicitaron información sobre detencións previas, prohibiron o uso dos teléfonos móbeis e preguntaron aos mozos cal era o motivo da súa presenza no lugar. Antes de finalizaren esta retención, os axentes pediron aos tres o número de telefono (sic) sen explicar que razóns podía haber para solicitar esta información. Un deles acolleuse ao dereito a non facilitar máis datos alén dos que figuran no documento de identidade. Logo após unha nova pregunta para confirmaren que a resposta era negativa, os axentes recoñeceron que dereito estaba no seu dereito.

Posteriormente tivo lugar a concentración convocada polo colectivo Acción Antifascista a medio dunha forte presenza policial, cun cordón de axentes que rodeou os manifestantes durante todo o protesto.