As autoridades sionistas prohiben a entrada a Israel de activistas que poidan interromper o festival de Eurovisión, que se celebrará entre o 14 e o 18 de maio en Tel Aviv. A medida que se aproxima a data do evento, aumenta a preocupación das autoridades polos protestos sobre o trato do Goberno ao pobo palestino.

 

Caricatura de Carlos Latuff

 

O festival, que é a competición musical con maior cobertura televisiva do mundo, converteuse no escenario perfecto para que as organizacións de activistas en prol dos dereitos da Palestina expoñan os seus protestos. Unha das campañas máis populares foi Boicote, Desinvestimentos e Sancións (BDS), que acusa Israel de tentar encubrir a súa política xenocida coa celebración de Eurovisión.

Ningún dos 42 estados participantes se retirou da competición, apesar de que o pasado fin de semana se producíron algúns dos combates máis mortíferos dos últimos anos entre Israel e Hamas. Contodo, os organizadores temen que os protestos sexan levados ao escenario.

‘Vai ser unha grande festa en que van participar millares de persoas mais estaremos moi atentos para garantir que ninguén vén para interromper e destruír’, declarou Emmanuel Nahshon, portavoz do ministro de Asuntos Exteriores israelita, segundo informa The Guardian.

‘Non queremos prohibir a xente a entrada ao estado de Israel. Mais, por outra banda, se estamos seguros de estarmos diante de activistas anti-Israel e cuxo único propósito é interromper o evento, usaremos os procedementos legais cos que contamos a respecto da súa entrada no país’, engadiu. Após estas declaracións, Nahshon especificou que só será prohibida a entrada a aqueles activistas que planexen romper as leis do país.

A 64º edición de Eurovisión estivo rodeada de polémica debido ás políticas do país. Un dos puntos máis conflituosos foi a elección da cidade que acollería o festival. O presidente de Israel, Benjamin Netanyahu, tiña programado que o lugar elixido fose Xerusalén, cidade que se disputan palestinos e israelitas e que Netanyahu quere validar como capital do Israel.

Artistas palestinos e doutros países celebrarán un evento alternativo, que baptizaron Globalvision, que se emitirá online e en que se farán conexións en directo con concertos en diferentes cidades, de Dublín a Belén.

‘Os palestinos que viven na Cisxordania e Gaza non poden acudir á final de Eurovisión en Tel Aviv debido ao muro e outros moitos factores’, dixo o grupo organizador deste evento alternativo, referíndose á barreira que se construíu na fronteira entre territorios israelitas e palestinos.

‘Eurovisión debería tentar achegar a xente, mais case está a axudar a Israel a continuar oprimindo e ocupando’, asegurou un dos artistas que participarán en Globalvision, Bashar Murad, un cantante palestino de 26 anos.

The Objective