A proposta do PNV para que o Congreso fixese un relatorio sobre a tortura (aludindo a que xa houbo unha comisión para estudar este asunto entre 1979 e 1982) bateu contra o negacionismo de PP, PSOE e Ciudadanos, que recorreron a alegar que esa é competencia dos tribunais. Gabriel Rufián (ERC) mostrou a foto de Unai Romano e leu o seu relato.

 

Rufian-romano

 

O Congreso dos Deputados recusou a proposta do PNV de estudar a tortura. Ningún dos matices postos polo deputado Mikel Legarda para facilitala, como insistir en que non se trata de sinalar os torturadores («unha ínfima minoría de funcionarios públicos») senón de recoñecer as vítimas, foi atendido.

PP, PSOE e C’s escudáronse en que xa hai tribunais capaces de depuraren responsabilidades se as houber. Para Mari Carmen Hernández (PP), o contrario sería «pór en causa a presunción de inocencia».

O que viña expor Legarda remitía obviamente ao relatorio encomendado polo Goberno de Lakua e realizado pola equipa de Paco Etxeberria, aínda que o deputado do PNV nin sequera o citou na súa intervención. Si o fixo desde Marian Beitialarrangoitia (EH Bildu) para lembrar que recolleu 4.113 casos, polo que en ningún caso é posíbel citar esta práctica como esporádica, que é o que fixeron os grupos maioritarios.

Destacou a intervención de Gabriel Rufián (ERC), que se limitou a ler un testemuño de torturas de 2001 para destapar ao final a fotografía do seu protagonista: Unai Romano, co rostro deformado. Na Cámara fíxose mais as persoas que interviron posteriormente, de C’s e PP, contestaron eludindo este caso e citando as vulneracións de dereitos realizadas por ETA.

Alicia Ramos (Unidos-Podemos) cualificou a tortura de «fallo multiorgánico da democracia» citando varios casos do Estado, ningún deles vasco. Beitialarrangoitia, pola súa banda, apuntou que hai máis dun centenar de torturadores que foron condecorados.

E EH Bildu abstívose finalmente (a súa petición de votar por puntos non foi atendida) porque «esta moción pode ofrecer verdade, mais hai unha insoportábel renuncia a impor xustiza. Mantense a categorización entre vítimas: con ela haberá torturados mais non torturadores».

Na votación, a proposta obtivo 89 votos a favor, 246 en contra e tres abstencións.

Naiz

RAMÓN SOA