A Avogacía do Estado recorre o auto de procesameento dos 16 gardas civís procesados polos feitos acontecidos no 6 de febreiro de 2014 no espigón da praia do Tarajal. Sinala que os 15 inmigrantes faleceron afogados e sen lesións das bolas de goma, segundo a información publicada por El Confidencial.

 

Praia de El Tarajal (C.a.)Imagen del espigón de la playa de El Tarajal (C.A.)

 

A Avogacía do Estado presentou un duro escrito a favor dos gardas civís en que pede evitar que sexan xulgados. “Non se produciu ningún falecemento no lado español do mar”, ningún inmigrante morreu pola acción dos axentes e os que se afogaron fixérono sen lesións, argumenta a defensa en nome do Goberno, que pide a absolución.

A avogacía considera que se acreditou coas probas incorporadas ás presentes actuacións que non se produciu ningún falecemento no lado español do mar, os 23 inmigrantes que accederon á praia ceutí do Tarajal, ben polos seus propios medios, ben auxiliados polos servizos marítimos, fixérono en perfecto estado de saúde, e por ese motivo puideron ser rexeitados en fronteira de maneira inmediata; os mergulladores que inspeccionaron a zona no día dos feitos e no día seguinte, confirmaron que non se produciu ningún falecemento no lado español”.

A avogacía, segundo El Confidencial, critica toda a instrución: “Estas dilixencias convertéronse, nunha sorte de investigación xenérica de feitos, que non revisten transcendencia penal, como veremos posteriormente, ou que polo menos, son de imposíbel atribución a ningunha das persoas imputadas, e cuxo obxecto parece que se centrou en demostrar a corrección de actuación dos axentes da garda civil, en definitiva, a súa propia inocencia, descoñecendo os alicerces básicos dun Estado de Dereito”. Segundo os avogados do Estado, os gardas civís non están a ter un proceso xusto e a actuación do xuíz “xerou [aos gardas civís] unha clara vulneración do dereito de defensa, en particular, o dereito básico e esencial que toda persoa a quen lle sexa atribuído un feito puníbel merece”.

 

O xuíz de Primeira Instancia e Instrución número 6 de Ceuta acordou continuar polos trámites do procedemento abreviado a causa contra 16 gardas civís polos feitos ocorridos en Ceuta, e en concreto no espigón da fronteira do Tarajal, o día 6 de febreiro de 2014, cando 15 migrantes morreron afogados tentando entrar en España.

 

Nun auto ditado o día 24 de setembro, o xuíz acorda continuar as dilixencias previas polos trámites da preparación do xuízo oral do procedemento abreviado contra os citados axentes por posibeis delitos de homicidio por imprudencia grave con resultado de morte e denegación de auxilio, e comunicar á Fiscalía e ás acusacións particulares por prazo común de 10 días para que soliciten a abertura do xuízo oral formulando escrito de acusación, pedindo o arquivamento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementares.

O xuíz pon de manifesto que, das dilixencias practicadas, se infere que, o 6 de febreiro de 2014, membros da Garda Civil investigados na causa dispararon bolas de goma e xeradores de fume, ‘con propósito disuasorio’, desde a praia ceutí do Tarajal ao mar, onde unha serie de persoas ‘tentaban alcanzar Ceuta a nado’ e ‘foron obrigadas a voltar a Marrocos’.

Neste sentido, a instrutora sinala que ‘non todas conseguiron volver a nado e afogaron 15 persoas, resultando outras lesionadas’, feitos ‘supostamente acontecidos’ que resultan das testemuñais practicadas, ‘coincidentes no seu contido’, así como dos informes periciais, declaracións dos investigados e resto da documentación obrante na causa.

O xuíz considera que a actuación desenvolvida polos axentes da Garda Civil ‘puido contribuír, co-casualmente, a título de imprudencia, á morte por afogamento das mesmas, concorrendo indicios sobre posíbel falta de proporcionalidade da actuación desenvolvida polos investigados, os cales, indiciariamente así mesmo, omitiron socorrer as persoas que nadaban no mar con risco vital’.

‘Éclaro que no mar había persoas migrantes que podían sufrir un mal, mesmo a perda da vida, e que debían ser auxiliadas polos axentes investigados, os cales podían intervir no seu auxilio e se abstiveron de facelo sen causa que xustifique a súa omisión’, en tanto ‘a axuda que precisaban as persoas que nadaban o día dos feitos cara a España era fronte a un mal, o risco de perda das súas vidas, inminente’, afirma o xuíz.

No seu parecer, concorren indicios de posíbel homicidio imprudente por parte dos axentes investigados, ‘que non probas’, sinalando neste punto que, ‘con independencia de que no plenario, e coa práctica dos medios probatorios así como a valoración das testemuñais practicadas como preconstituidas por este Xulgado de Instrución, se chegue a unha valoración ou outra, o certo é que indicios, que non prexulgan a culpabilidade dos axentes, danse no presente caso, e todo isto sen prexuízo dunha máis depurada cualificación dos feitos’.

Arquivamento con respecto ás lesións

Na súa resolución, a instrutora decreta o arquivamento provisorio da causa respecto das lesións imputadas e o arquivamento libre en relación ao delito de prevaricación, precisando, a respecto do delito de lesións, que ‘non obran nas actuacións os elementos básicos para podermos acreditar en termos de imputación provisoria a concorrencia dos elementos do tipo que integran este delito’.

‘Non puido ser concretado a efectos desta instrución a natureza das lesións que presentaban e a súa orixe, xa que non figuran informes de sanidade emitidos polo médico forense’, subliña a xuíza, que, relativamente ao delito de prevaricación, afirma que ‘non existe indicio algún sobre a comisión dun eventual delito de prevaricación, por canto os axentes obraron defendendo as fronteiras, en principio, como é o seu deber; tería concorrido prevaricación no caso contrario’.

A xuíza afirma que ‘si concorren indicios de imprudencia en relación ás mortes producidas, e si concorren indicios de que non se prestou un auxilio debido e esixido tanto polo Dereito español como polo da Unión Europea, mais no que se refere á prevaricación non cabe senón que esta instrutora decrete o arquivamento libre da causa’, xa que ‘non se pode pretender que os axentes non exerzan a súa obrigación de defender as fronteiras ou que non eviten comisión de delitos como os que se cometen contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros’.

Ceuta Actualidad