A Dirección Xeral da Policía impartiu instrucións para comezar a distribuír entre os seus axentes os novos ‘bastóns policiais extensibeis’ de aceiro que substituirán as tradicionais defensas semi-ríxidas -coñecidas popularmente como porras- que portan actualmente, segundo un documento interno. O Ministerio do Interior investiu 2 millóns de euros en adquirir 25.539 destas defensas (perto de 80 euros por cada unha delas), destinadas principalmente aos policías destinados en Seguranza Cidadá e ás Unidades de Intervención Policial (UIP, os coñecidos como anti-disturbios).

 

Un policía carga contra un trabajador que caminaba de forma pacífica por la avenida principal de Cádiz durante los incidentes de la semana pasada.    Carga dun policía contra un traballador que camiñaba pacificamente pola rúa na pasada semana en Cádiz. Marcos Moreno

Óscar López-Fonseca

 

A instrución prodúcese en medio aos protestos policiais polas emendas que os dous partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos, queren introducir na lei de seguranza cidadá, a coñecida como lei mordaza. Os policías, que se manifestaron en Madrid no pasado sábado, consideran que as propostas de ambos os partidos limitarán o uso de material anti-disturbios, eliminando mesmo as bolas de goma, para facer frente a manifestacións violentas, aínda que os textos que comezará a estudar o Congreso a próxima semana non recollen referencia expresa a iso.

As novas defensas policiais -unha antiga reclamación dos sindicatos do corpo- constan dunha estrutura principal fabricada “con aceiro ou aliaxe de máxima calidade” que pasa dos 26 centímetros cando está encartada a máis de medio metro en toda a súa extensión, segundo recolle a documentación técnica incluída nos dous concursos licitados por Interior para a súa adquisición. O peso non supera os 610 gramos. “Trátase dun elemento de fácil portabilidade que vai sempre co axente, discreto dado o seu reducido tamaño, cun efecto psicolóxico disuasorio polo seu efecto ruidoso ao abrirse e válido como instrumento de rescate ao contar coa dureza para ser utilizada como alavanca”, destacaban estes documentos. Neles xustificábase a compra en que “evita o uso de medios máis lesivos, conseguindo unha maior operatividade e efectividade na realización dos diferentes servizos”.

A instrución interna ditada agora especifica que os bastóns extensibeis só serán entregados aos axentes que recibisen “a preceptiva formación e habilitación” despois realizaren un curso que inclúe tanto aspectos prácticos sobre a manipulación, o mantemento e a correcta utilización da nova defensa, como outros deontolóxicos. Así mesmo, incide en que as novas defensas teñen a consideración de arma de uso exclusivamente policial, segundo recolle o artigo 5 do Regulamento de Armas, e que, portanto, deberá ser asignada a cada axente “de forma individual, restrinxida e temporal” e “pasar revista no mesmo tempo e forma que a pistola regulamentar”. Alén diso, o policía ao que sexa asignada unha destas defensas deberá devolvela “cando se produza unha mudanza da función” ao ser destinado a outro servizo.

 

 

A Dirección Xeral da Policía tamén elaborou un protocolo específico sobre o seu uso “o primeiro para este tipo de defensas” en que se detalla que, en caso de bater co bastón extensíbel nunha persoa, o axente deberá evitar facelo en vertical -de arriba para abaixo-, e de non o facer -en circunstancia algunha-  en “a cabeza, pescozo, clavícula ou columna vertebral”. Tamén prohibe que se use en “técnicas de estrangulación”.

O protocolo engade que estas defensas só serán utilizadas para “reducir, inmobilizar ou deter” persoas que mostren “unha resistencia activa que poña en risco aos axentes ou terceiras persoas”, que poden actuar de maneira violenta ou o fixeron, que ameacen cunha arma branca ou outro obxecto perigoso ou estean a piques de pór en risco a súa vida. E sempre despois de “esgotar as vías de diálogo, negociación e mediación previas”. Pola contra, prohibe usalas “con mulleres grávidas ou con menores de idade penal [até os 18 anos] sempre que esta condición sexa perceptíbel”, así como “con persoas de idade avanzada ou persoas débeis de saúde”

El País