O Goberno español anunciou na pasada quinta-feira que o Reino de España non ten previsto facerse cargo de persoas refuxiadas afectadas polo incendio no campo de Moria, na illa grega de Lesbos. En troca pediu solidariedade aos estados que non son primeira fronteira.

.

.

 

 

Tampouco crianzas do campo incendiado

Así, o Goberno español nin sequera quixo formar parte da primeira lista de estados europeos dispostos a acoller 400 menores sen acompañamento procedentes dese campo, onde vivián en condicións moi precarias.

A ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, transmitiu a súa “solidariedade total”, mais ao mesmo tempo afirmou que o estado español xa “acolle un grandísimo número de persoas refuxiadas, requerentes de asilo e inmigrantes en xeral”.

Di isto apesar de que a chegada de persoas migrantes ao Reino de España caeu este ano un 32%, e delas moitas malviven nunha situación en instalacións ateigadas, como é o caso do CETI de Melilla.

Ante a situación de desamparo en que ficaron millares de persoas no campo de Lesbos, a ministra asegurou que os socios europeos que están na primeira fronteira con países de orixe de persoas refuxiadas e inmigrantes irregulares teñen necesidade de solidariedade, entendemento e cooperación do resto da ‘familia’ da UE.