O Tribunal Constitucional ampliou a opción de indemnizar persoas que fosen absolvidas despois de cumprir prisión preventiva. Até agora limitaba esa opción a casos moi concretos. Cítase como exemplo recente o de Sandro Rosell. En Euskal Herria hai decenas.

 

0620_eh_consti

 

O Tribunal Constitucional anulou unha parte do precepto legal que limitaba as indemnizacións do Estado ás persoas presas que tivesen estado en prisión preventiva e despois fosen absolvidas, de modo que abriu a porta a todas elas poderen ser compensadas polo tempo transcorrido en prisión provisorial.

O artigo 294.1 da Lei Orgánica do Poder Xudiciario (LOPJ) indica: «Terá dereito a indemnización quen, despois de sufrir prisión preventiva, for absolvido por inexistencia do feito imputado ou por esta mesma causa for ditado auto de arquivamento libre, sempre que se lle tiveren causado prexuízos».

Contodo, agora o TC estimou a cuestión interna de inconstitucionalidade exposta polo pleno e declarou nula a parte deste precepto referida á «inexistencia do feito imputado» e «por esta mesma causa» por vulneración do artigo 14 e 24.2 da Constitución.

Isto é, antes esixíase que fose demostrado que non se producira un delito, co que ficaban excluídos os afectados nos casos en que se daba por probada a existencia dun delito, mais non a súa participación no mesmo, como recentemente aconteceu co expresidente do FC Barcelona Sandro Rosell.

Agora, o TC abre o leque de casos con dereito a indemnización a aqueles que foren absolvidos en todos os casos, sempre que lle foren causados prexuízos.

Indica que con iso se trata de dar unha resposta máis adecuada ao mandato da Constitución, que prevé de forma expresa que os danos causados por erro xudicial ou polo funcionamento anormal da Administración de Xustiza dan dereito a unha indemnización a cargo do Estado de acordo co que estableza a lei.

Até o momento, a xurisprudencia do Supremo, cunha interpretación restritiva da lei, deixaba fora os supostos de absolución por falta de probas, caso de Sandro Rosell, que pasou 22 meses en prisión preventiva para posteriormente ser absolvido.

Antes de se ditar esa sentenza, o Constitucional decidiu exporse a si mesmo unha «autocuestión de constitucionalidade» para debater en pleno o asunto ante as dúbidas suscitadas.

En Euskal Herria hai decenas, se non centos, de casos similares nas últimas décadas. GARA recolleu algúns deles por mor da sentenza europea do «caso Bateragune». Eran exemplos exclusivamente de persoas cuxa condena fora anulada total ou parcialmente despois de ser cumprida. Habería que sumarlles os supostos en que no primeiro xulgamento xa foron absoltos despois da citada prisión preventiva.

Naiz