A Asociación Palestina de Prisioneiros e ex Prisioneiros alertou na pasada segunda feira da emanciación severa de Emad Al Batran despois de máis de 45 dias en greve de fame. Alén do máis, Al Batrán sofre dores masivas e inflamación da pel e o seu estado de saúde xeral deteriórase rapidamente.
Emad Al-Batran pasou 10 anos en varios cárceres israelitas, a maior parte do tempo sob a figura denominada detención administrativa. En 2013, mantivo unha greve que se prolongou durante 105 días.
Nun comunicado do pasado 30 de marzo, a Asociación de Prisioneiros Palestinos (PPS) informou que os prolongados xexúns, interrompidos polas autoridades carcerarias israelitas con alimentación forzosa, deixaron secuelas no organismo de Emad Al- Batran, que padece de doenzas estomacais e fortes dores de cabeza.
Máis de 7.000 persoas palestinas están presas nos cárceres de Israel, a maioria delas con serios problemas de saúde sen que lles sexa proporcionada a atención médica necesaria. Centenares destas persoas están en ‘detención administrativa’, unha modalidade legal que permite encaarcerar persoas palestinas sen cargos nin xulgamento por períodos de até seis meses, que poden prolongados un número de veces ilimitado.
A Lei de Detención Administrativa foi imposta polo Reino Unido durante a súa dominación colonial da Palestina, herdada do imperio Otomano derrotado na I Guerra Mundial. Segundo as estatísticas compiladas polo ente palestino de defensa dos dereitos humanos nos cárceres israelitas hai 440 prisioneiros ao abrigo desta lexislación colonial.
230 crianzas detidas por Israel en 2021
As autoridades de Israel detiveron 230 crianzas palestinas desde principios do 2021, referiu o domingo 4 de abril a PPS. Así mesmo o pasado 8 de marzo a organización publicou un relatorio en que denunciaba o sufrimento de mulleres palestinas en cárceres israelitas.
“26 das presas políticas detidas en Israel foron condenadas por períodos variabeis, os máis longos son os casos de Shurooq Dwayyat e Shatila Abu Ayyad que cumpren unha pena de cárcere de 16 anos cada unha, e hai tres outros casos que están en detención administrativa, sen cargos nin xulgamento”, sinala o comunicado.
Segundo a lei internacional, un Estado pode deter sen xulgamento un residente dun territorio ocupado, para prevenir un perigo, só en casos extremos e excepcionais. Contodo, Israel mantén centos de persoas palestinas presas durante meses, e até anos, en virtude de ordes administrativas e sen abrirlles procedemento xudicial.